jueves, 29 de abril de 2010

Unha fiestra aberta á esperanza

Esta nova actualización da bitácora de Galicia Hoxe, "Xornalismo no Futuro", refírese ás perspectivas da profesión con bastante esperanza. Santiago Agra, redactor da edición galega de El País, sinala que "o futuro está na lingua" e que cómpre aproveitarmos o potencial da lusofonía "informando desde aquí e cunha ollada propia galega, pero posta nun mundo cada vez máis globalizado."

Pola súa banda, a estudante de Zas, Marta Rial, é da opinión de que internet achega incontábeis posibilidades ao xornalismo do século XXI. Mais tamén sostén que neste contexto de converxencia, non desaparecerá a prensa escrita, senón que convivirá cos novos medios dixitais. Asemade, conclúe que no ciberxornalismo deben de materse as bases da profesión "buscar a verdade e contrastar a información que se publica."

Rocío Álvarez, a última desta semana, fai especial fincapé en que nese "maremagnum" que é o ciberespazo, o papel do xornalista como mediador é fundamental para unha cidadanía informada. Conclúe dicindo que aínda que muden os soportes, "a esencia de contar historias que ten o xornalismo non desaparecerá xamais porque o ser humano sempre sentirá a necesidade de manterse informado."

jueves, 22 de abril de 2010

Que facer co xornalismo?

O outro día escoiteille dicir a un profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación que o futuro do xornalismo tiñamos que escribilo nós, os que estabamos sentados nas bancadas daquela aula. Quedei pensando en que podía dicir sobre isto un mozo naronés de vinte un anos que aínda non rematou a carreira. O único que se me ocorreu, e non sen moito cavilar, foi facer fincapé nas diferenzas que existe entre o consumo de noticias na miña xeración e na dos meus profesores, a ver se era quen de tirar algunha conclusión. En primeiro lugar, a min xa non se me ocorre mercar o xornal nada máis saír da casa. Prefiro prender o ordenador antes de almorzar (ou despois, dependendo de canto ruxa o bandullo) e conectarme a calquera xornal dixital. Tampouco recorto unha noticia nin unha reportaxe que me pareza interesante, en tal caso marcareina no Delicious. Tampouco me conformo co menú do día que ofrece cada medio. Collo un menú degustación e pico o que máis me gusta de cada un. Daquela a miña conclusión é esta: se cada vez nos informamos de xeitos máis distintos, non precisaremos novas linguaxes que superen o simple envorcadura na rede dos contidos papel?

Estudantes da USC falan sobre o futuro da profesión

Nova entrega do suplemento de universidade de Galicia Hoxe, e con ela, tres novos artigos dos e das alumnas de Obradoiro de Aplicacións na Rede, unha materia da licenciatura de xornalismo impartida polo director do gabinete de comunicación da USC, Luís Celeiro.

O leitmotiv destes textos é a incerteza, pero cada un dos seus autores olla cara horizontes relativamente diferentes. A primeira en falar é a limiá Karina Rivero, quen recoñece sentirse "inxenua, soñadora e con metas espaciais" por ter elixido o xornalismo como profesión. Agora ben, fronte á crise do modelo de negocio da prensa, teno claro: "o futuro pasa polo (ciber)espazo", pero ten reconvertirse.

Jorge Lema, o mozo de Malpica, coincide con Rivero na profunda crise que está a vivir o xornalismo, mais aposta por la formación e a calidade. Nas súas propias palabras, "a única saída posible é mellorar; traballar para ofrecer cada día algo mellor".

"O futuro xa está aquí" é o título que leva o derradeiro artigo de hoxe, escrito pola ourensana Andrea Carcacía. Nel expón que todas esas teorías do xornalismo de mañá non falan dunha realidade tan distante, senón que xa convive connosco debido á influencia de internet nos medios actuais.

martes, 13 de abril de 2010

O futuro depende de nós

Dicirlle a unha nai que que queres ser xornalista pode provocarlle un bo disgusto. Ou polo menos iso é o que lle pasou a Deborah Castro, estudante na facultade de Ciencias da Comunicación da universidade compostelá.

A tan só uns meses de licenciarse, Castro analiza nun artigo publicado no suplemento de universidade de Galicia Hoxe, o pasado, o presente e sobre todo o futuro do xornalismo. Dalle unha oportunidade ás novas tecnoloxías e sinala que permiten facer "grandes produtos informativos" pero que neles aínda deben seguir vixentes os grandes principios de "veracidade e deontoloxía".

Mais non todo é un camiño de rosas para o xornalismo, nen tan sequera para o multimedia. Déborah Castro amósase moi crítica cos problemas que estas novas fórmulas de comunicación herdan do pasado, nomeadamente coa "precariedade laboral e o intrusismo".

Esta moza, que aos seus 21 anos xa pasou pola Universidade Autónoma de Barcelona e polo diario El País, conclúe que lle corresponde aos xornalistas "recuperar a dignidade" da que, segundo García Márquez, "é a mellor profesión do mundo.

sábado, 6 de marzo de 2010

Interactividade no Diario de Pontevedra

Desde a aparición do que Tim O´Reilly denomina web 2.0, a interacción co receptor converteuse nunha prioridade para calquera sitio web que quixese aproveitar todo o potencial creador dos seus lectores. Nos medios de comunicación que operan na Rede esta cuestión foi un engadido ao debate sobre o xornalismo cidadán que xa estaba a tomar forma. No último lustro, os portais de información comezaron a introducir ferramenta para interactuar co usuario e recoller as súa ideas e opinións. Xa nunca máis o xornalismo vai ser un proceso comunicativo unidireccional, senón que se lle permite ao receptor fiscalizar e controlar o traballo do profesional da información.

A continuación, analizamos as distintas ferramentas a través das que a edición dixital do Diario de Pontevedra pretende interacturar cos seus lectores:

Comentarios

É un dos recursos máis socorridos da web 2.0. Despois de cada peza informativa, o portal abre a posibilidade de opinar sobre o tema do que se está a falar. Os comentarios pódense publicar de xeito anónimo ou creando unha conta propia, o que ademais permite empregar unha foto personalizada e votar as opinións doutros lectores.

Valoracións

Cada noticia pode ser valorada polo lector a través dunha puntuación que vai desde unha estrela até cinco. Isto é útil porque as novas que sexan do agrado dos lectores aparecerán na pestaña de “Máis valoradas”

Foro

Utiliza unha mecánica moi semellante á dos comentarios, coa única diferenza de que no canto de opinar sobre unha nova, faise dunha determinada cuestión que formula o medio.

Enquisas

Esta é unha práctica moi empregada por moitos medios a día de hoxe. Formulan unha determinada cuestión e permítese un número limitado de respostas. Serve para medir a opinión dos lectores sobre determinados temas de actualidade. Agora ben, este tipo de enquéritos carecen de rigor científico.

Blogs

Na sección de opinión, o Diario de Pontevedra conta con ligazóns a bitácoras de diferentes personalidades e figuran ao carón dos columnistas habituais do medio.

Opinión dos lectores

O Diario de Pontevedra facilítalle aos lectores unha canle de expresión na sección de opinión na que poden subir artigos dunha extensión moi superior á dos comentarios.