martes, 18 de mayo de 2010

Os novos xornalistas preocúpanse polos cambios

Os cambios. Esa é a grande preocupación dos estudantes de xornalismo que esta semana ocupan as páxinas do suplemento de universidade de Galicia Hoxe. Nos seus xa tradicionais artigos sobre o futuro da profesión, Borja Golán, Mercedes Rey e Gemma R. Vega expresan a súa valoración sobre as mudanzas que afectan ao panorama mediático en todo o mundo.

Para Borja Golán, "a Rede non é unha ameaza para seguir practicando un xornalismo de calidade" senón que é unha vantaxe, sobre todo para as novas xeracións. Considera que outros grupos de idade que teñen os costumes arraigados de ler a prensa en papel ou escoitar a radio seguirán a facelo, pero que nos novos soportes iranse introducindo os máis novos.

Pola súa banda, Mercedes Rey é consciente de que calquera dos medios de comunicación tradicionais, se queren sobrevivir nun contexto no que internet como soporte lles anda a comer as papas, terán que iniciar un profundo proceso de mudanza. Nas súas propias palabras, "É preciso mudar as súas estruturas, contidos e formas de facer para diferenciarse do resto no marco das telecomunicacións."

Gemma Vega é a que amosa unha visión máis apocalíptica dos tres textos. A súa principal preocupación radica na falla de veracidade que teñen os documentos que poden atopar por internet.

No hay comentarios:

Publicar un comentario