jueves, 29 de abril de 2010

Unha fiestra aberta á esperanza

Esta nova actualización da bitácora de Galicia Hoxe, "Xornalismo no Futuro", refírese ás perspectivas da profesión con bastante esperanza. Santiago Agra, redactor da edición galega de El País, sinala que "o futuro está na lingua" e que cómpre aproveitarmos o potencial da lusofonía "informando desde aquí e cunha ollada propia galega, pero posta nun mundo cada vez máis globalizado."

Pola súa banda, a estudante de Zas, Marta Rial, é da opinión de que internet achega incontábeis posibilidades ao xornalismo do século XXI. Mais tamén sostén que neste contexto de converxencia, non desaparecerá a prensa escrita, senón que convivirá cos novos medios dixitais. Asemade, conclúe que no ciberxornalismo deben de materse as bases da profesión "buscar a verdade e contrastar a información que se publica."

Rocío Álvarez, a última desta semana, fai especial fincapé en que nese "maremagnum" que é o ciberespazo, o papel do xornalista como mediador é fundamental para unha cidadanía informada. Conclúe dicindo que aínda que muden os soportes, "a esencia de contar historias que ten o xornalismo non desaparecerá xamais porque o ser humano sempre sentirá a necesidade de manterse informado."

No hay comentarios:

Publicar un comentario