jueves, 22 de abril de 2010

Que facer co xornalismo?

O outro día escoiteille dicir a un profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación que o futuro do xornalismo tiñamos que escribilo nós, os que estabamos sentados nas bancadas daquela aula. Quedei pensando en que podía dicir sobre isto un mozo naronés de vinte un anos que aínda non rematou a carreira. O único que se me ocorreu, e non sen moito cavilar, foi facer fincapé nas diferenzas que existe entre o consumo de noticias na miña xeración e na dos meus profesores, a ver se era quen de tirar algunha conclusión. En primeiro lugar, a min xa non se me ocorre mercar o xornal nada máis saír da casa. Prefiro prender o ordenador antes de almorzar (ou despois, dependendo de canto ruxa o bandullo) e conectarme a calquera xornal dixital. Tampouco recorto unha noticia nin unha reportaxe que me pareza interesante, en tal caso marcareina no Delicious. Tampouco me conformo co menú do día que ofrece cada medio. Collo un menú degustación e pico o que máis me gusta de cada un. Daquela a miña conclusión é esta: se cada vez nos informamos de xeitos máis distintos, non precisaremos novas linguaxes que superen o simple envorcadura na rede dos contidos papel?

No hay comentarios:

Publicar un comentario