sábado, 6 de marzo de 2010

Interactividade no Diario de Pontevedra

Desde a aparición do que Tim O´Reilly denomina web 2.0, a interacción co receptor converteuse nunha prioridade para calquera sitio web que quixese aproveitar todo o potencial creador dos seus lectores. Nos medios de comunicación que operan na Rede esta cuestión foi un engadido ao debate sobre o xornalismo cidadán que xa estaba a tomar forma. No último lustro, os portais de información comezaron a introducir ferramenta para interactuar co usuario e recoller as súa ideas e opinións. Xa nunca máis o xornalismo vai ser un proceso comunicativo unidireccional, senón que se lle permite ao receptor fiscalizar e controlar o traballo do profesional da información.

A continuación, analizamos as distintas ferramentas a través das que a edición dixital do Diario de Pontevedra pretende interacturar cos seus lectores:

Comentarios

É un dos recursos máis socorridos da web 2.0. Despois de cada peza informativa, o portal abre a posibilidade de opinar sobre o tema do que se está a falar. Os comentarios pódense publicar de xeito anónimo ou creando unha conta propia, o que ademais permite empregar unha foto personalizada e votar as opinións doutros lectores.

Valoracións

Cada noticia pode ser valorada polo lector a través dunha puntuación que vai desde unha estrela até cinco. Isto é útil porque as novas que sexan do agrado dos lectores aparecerán na pestaña de “Máis valoradas”

Foro

Utiliza unha mecánica moi semellante á dos comentarios, coa única diferenza de que no canto de opinar sobre unha nova, faise dunha determinada cuestión que formula o medio.

Enquisas

Esta é unha práctica moi empregada por moitos medios a día de hoxe. Formulan unha determinada cuestión e permítese un número limitado de respostas. Serve para medir a opinión dos lectores sobre determinados temas de actualidade. Agora ben, este tipo de enquéritos carecen de rigor científico.

Blogs

Na sección de opinión, o Diario de Pontevedra conta con ligazóns a bitácoras de diferentes personalidades e figuran ao carón dos columnistas habituais do medio.

Opinión dos lectores

O Diario de Pontevedra facilítalle aos lectores unha canle de expresión na sección de opinión na que poden subir artigos dunha extensión moi superior á dos comentarios.